venres, outubro 18, 2013

"O Magosto" na Socidedade o día 9 de Novembro.

A nosa Socidedade convídavos á vindeira celebración de O Magosto no noso local social en O Seixo, o día nove de novembro a partires das 20:30 Horas.



O Magosto Na Galipedia

A palabra magosto, ademais doutros significados directamente relacionados, designa unha celebración festiva e popular, tradicional en toda Galicia, organizada en torno á recollida das castañas. Aprovéitase tamén para probar o primeiro viño novo.

Localización e características

                                                                     Castañas aínda crúas, preparadas para asar.

Castañas asadas.
O magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, día de Tódolos Santos, se ben en Ourense, por maduraren máis tarde as castañas, atrasouse ata o día 11, san Martiño. Na actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas.
O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira.

No lugar de Insuela (de Loureiro, Cotobade) era costume facer o magosto sobre unha pedra do Outeiro de Muimenta que tiña sona de propiciatoria para que as parellas puidesen ter fillos se se deitaban nela.

Hoxe en día ásanse nuns tambores metálicos colocados sobre o lume ou nuns tixolos especiais para este uso.

Orixes

Existen varias teorías que intentan explicar a etimoloxía da palabra. Hai quen a fai vir do latín magnus ustus, gran fogueira, dentro dos cultos ígneos que, como a noite de San Xoán, marcaban o paso das estacións [1]; outros, de magnus, que significaría ou ben magno, grande, ou ben mago, maxia; e outros do celta mag, campo ou mesmo do proto-celta *Magon- e *glustu- (grande luz) ou *Magon- e *ouxto- (grande frio)[2]. López Gómez ve alusión a ese suposto "mago do lume" nun gran boneco ou espantallo feito entrabando pólas e que simbolicamente presidía a festa e finalmente se chamuscaba, aureolado, adornado de rosarios ensarillados de castañas. Ardía o xigantón entre aturuxos e competitivos brincos, como aínda se fai nalgunhas outras fisterras atlánticas.

Murguía relacionaba esta festa cos defuntos (que se celebraban no día seguinte), considerándoa un banquete funerario: as castañas simbolizarían a morte e o viño novo a vida. Mariño Ferro tamén escribiu que a castaña é símbolo de vida que combate á morte: de aí que a castaña apareza nos ritos funerarios (Mariño Ferro: 260).

Outros autores tamén reflicten a relación entre os defuntos e este costume de asar castañas. O historiador Bernardo Barreiro recolle esta descrición das enchentes que se celebraban xa no século XVI para celebra-lo Día de Defuntos:
Os notables da parroquia, dentro da capela, xantaban e bebían a fartar en altares convertidos en mesas para a ocasión. Os pobres, entrementres, preparaban castañas no adro mentres agardaban a xenerosidade dos principais [3]
En calquera caso existe coincidencia en considerar os magostos como unha festa de orixe pagá, relacionada coa fecundidade e o folclore do lume que marca o paso dos ciclos agrícolas, a modo de simbolismo de peche do ciclo solar. Como aconteceu con outras festividades pagás, terminou sendo cristianizada asociándoa ós Santos e Defuntos ou a San Martiño de Tours. Existe constancia dalgunhas prácticas supersticiosas relacionadas coa crenza de que o lume ten vida propia e un certo carácter sagrado: nunca se debía cuspir sobre o lume, nin botar nel restos de comida ou calquera outra cousa [4]. Non se debía matar o lume senón que cumpría deixar que as brasas se apagasen soas, pouco e pouco: críase que as ánimas viñan quentarse á noite no rescaldo. Outros din que cada castaña comida era unha alma que se sacaba do purgatorio, e para que estas ánimas puidesen comer algo, sempre se deixaba algunha castaña entre as brasas.

O magosto na literatura popular galega

Léxico

A palabra magosto designa tamén a propia fogueira na que se asan as castañas ou o conxunto de castañas que se asan e comen nesta ocasión. Vocabulario derivado son magostar, co significado de asar castañas nun souto para comelas en grupo; e magosteiro, cada un dos participantes nesta comida.

Fonte:  http://gl.wikipedia.org/wiki/Magosto

0 comentarios:

Publicar un comentario

Podes deixar aquí o teu comentario:

Reportaxe fotográfico "O Día da muller embarazada" Grupo de Teatro Aficionado "Teruca Bouza".

A nosa Biblioteca

Contacto

Nome

Correo electrónico *

Mensaxe *