- Provincia: A Coruña
- Concello: Mugardos
- Parroquia: Santiago de Franza
- Lugar: Xuncedo
- Paraxe: A fábrica
- Coord. Xeográficas - Latitude: 43º 27' 11'' N
- Coord.Xeográficas - Lonxitude: 8º 12' 52'' W
- Coordeadas UTM: Fuso 29 / X 563.544,50 / Y 4.811.435,30
- Clasificación: Fábrica de tecidos de liño
- CNAE: 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles (liño), entre 1847 e 1896. 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica, 35.12 Transporte de
- Tipoloxía: Hidráulica con apoio de caldeira de vapor
- Comarca: Ferrol
- Marco Xeográfico: Ría de Ferrol
- Ámbito: Rural
- Acceso: Dende Ferrol collemos a estrada nacional N-VI cara a Fene e dende alí apartaremos á dereita e continuaremos cara a Mugardos. No cruce de A Gallada, aproximadamente no quilómetro apartaremos á dereita, cara a O Seixo, e tras cruzar a ponte sobre o río Ba, deixarémolo vehículo pasado o cruce de Xuncedo e colleremos na man esquerda una rúa que nos leva dereitos á entrada do predio da vella fábrica de tecidos de liño.
- Tipo de propiedade: Privada, no dominio público hidráulico
- Visitable: Sí, exteriormente.
Historia:
O liño (linum usitatissimum) é unha planta herbácea de orixe incerta (Mesopotamia
ou o Cáucaso europeo) que ven sendo cultivada hai uns cinco mil anos. Despois
da cestería o liño é a máis antiga das aplicacións téxtiles e o seu emprego
remóntase á Idade de Pedra, consonte testemuñas achadas nas habitacións
lacustres alpinas.
Exipto foi o primeiro país en
contar hai tres mil anos cunha industria liñeira propiamente dita, de
importancia cultural e económica. A técnica vai difundirse cos arios e os
fenicios, e os gregos, os celtas e os romanos traballarán o liño para
confeccionar indumentaria, velas e redes. Roma primeiro e Carlomagno despois
van espallar a industria do liño nas súas dúas variantes principais: a do
aproveitamento da fibra; e a da produción de semente para aceite.
O liño ten forte demanda na Europa
medieval, concentrándose os cultivos nas terras dos actuais Países Baixos e
mesmo en Irlanda. Pero vai ser o século dezaoito, nomeadamente a partires do
1760 coa chamada Revolución Industrial, o que coñeza o meirande desenvolvemento
da industria liñeira, construíndose contra 1787 en Darlington (condado de Durham,
no nordeste de Inglaterra) o primeiro muíño liñeiro para fiadura.
A forte presenza do liño vaise
manter ata comezos do século XIX, nos que a irrupción do algodón, unha planta
barata, doada de cultivar e que ten moita fibra, vai ir desprazando ó cultivo e
ó tratamento do liño en todo o mundo.
Os datos do cultivo do liño en
Galicia atópanse dende a cultura castrexa e a Idade Media, aínda que apoxeo
desta industria artesanal abrangue dende mediado o século XVIII ata os comezos
do XIX, período no que ademais do liño que se sementaba no país, tecíase tamén
o procedente dos países Bálticos, e mesmo as fías xa preparadas que chegaban de
Escocia.
Dende os tempos máis primitivos, nunha
economía agrícola, pechada e auto fornecida, son moitas as leiras galegas nas
que se bota liño e que deixaron a súa pegada na toponimia: Liñaio, Liñares,
Liñeiro, etc. Xa no século XVI os emigrantes irlandeses reintroducen e
potencian o cultivo e a manipulación do liño en moitas comarcas, cultivo e
manipulación que veñen facilitados polas condicións climáticas do territorio,
polos numerosos cursos fluviais e por unha abundante man de obra dispoñible no
campo galego.
Pódese dicir que dende principios
do século XVIII o liño é o motor económico principal na vida rural dunha
Galicia súper poboada, cunha difusa e parcelada poboación campesiña que atopa
nas feiras locais a consolidación da transacción polo miúdo de fibras, fíos e
tecidos.
Xa no tránsito do século XVIII ó
XIX son famosos os lenzos de Viveiro e de Mondoñedo, de Padrón e de Caldas, e
os centros de recolleita e comercialización de liño de Verín, A Fonsagrada e
Ordes, mais as liñeiras de Galicia non son bastantes para o abastecemento dos
seus teares, e vai medrando a entrada de expedicións das veigas leonesas e
zamoranas, e mesmo de Rusia, os países do Báltico e Holanda, chegando a supor o
oitenta por cento dos lotes manexados nos teares galegos.
A comezos do século XIX a
industria rural galega do liño é aínda importante pero continúa na súa
decadencia, iniciada coa perda dos mercados coloniais e a competencia do
contrabando británico, fomentada coa importación de fiados de liño e a consolidación
do téxtil catalán, e agravada sen cura pola competencia crecente do algodón
malia os esforzos desenvolvidos a prol da modernización e mecanización das
diversas tarefas propias da industria liñeira, como o fiado ó torno, o branqueo
ou mesmo o tecido.
A manufactura de fiados en España
perdera todo incentivo co arancel de 1841, que favorecía a súa importación de
rexións europeas que xa os producían mecanicamente e a baixo custo. Tiña xa que
logo máis conta importar directamente de Escocia as fías e cedelas ós
campesiños para a elaboración dos tecidos.
Por outra banda, a repatriación de
capitais americanos e os fortes ingresos xerados pola exportación de gran
favorecería en Galicia algúns investimentos produtivos que buscaban
aproveitarse do devandito arancel para implantar modernas industrias de tecidos
de liño.
Tres foran os estabelecementos que
se puxeran daquela en marcha en Galicia para a fabricación de tecidos de liño:
en 1845 a fábrica do Seixo; en 1847 a fábrica do Roxal (que comezara en 1843 co
algodón); e en 1850 a fábrica de Chavín.
O intento do Goberno de volver a favorecer
o fiado do liño en España, co establecemento en 1849 dun arancel que elevaba os
dereitos dos fiados e reducía o dos tecidos, supuxo un duro golpe para os
intereses das fábricas galegas de tecidos de liño, importadoras da materia
prima: a fábrica do Roxal suspendería pagos contra 1854 e pouco despois cesaría
na súa actividade; a fábrica de Chavín ten que ser reconvertida e aparece no
ano 1862 como fábrica de tecidos de algodón e mestura, pero ten que pechar
contra 1864 pola carestía das materias primas na crise algodoeira destes anos;
e foi a pequena fábrica do Seixo a que mellor resistiu a carestía da materia
prima e a competencia do algodón, pois continuaría traballando deica o ano 1896.
Aínda que durante estes anos se mantivera
algún tear no rural e que algúns pequenos estabelecementos padroneses
centralizasen nos seus locais varios teares manuais, contra 1865 rematara calquera
esperanza dun sector téxtil de carácter fabril en Galicia, xa que como se ten
dito só sobrevivía a fábrica do Seixo e tódalas demais, foran de liño ou de
algodón, ou mesmo a santiaguesa de lá, cesaran na súa actividade.
Desestimados os intentos de
mecanización do traballo do liño, as novas iniciativas téxtiles que xorden en
Galicia a comezos da década de 1870 van quedar restrinxidas o ramo do algodón,
favorecidas pola avanzada liquidación das industrias rurais, o que lles supón
unha menor competencia na conquista dunha pequena parcela do mercado rexional.
Foron estas industrias “La Primera Coruñesa” (1873), “Barcón y Cía.” (1873), y
“La Arzuana” (1890), pero esta é xa outra historia…
Construcción:
1847
Abandono:
No ano 1896 como fábrica textil. Trala transformación
levada ó cabo contra 1927, funcionaría como “fábrica de luz” ata os primeiros
anos da década de 1960.
Descrición:
Corría o ano 1781 cando Antonio
das Seijas construía uns muíños fariñeiros aproveitando as augas do río Ba ó
seu paso polos terreos que explotaba en réxime de foro no lugar de Xuncedo,
propiedade de don José Ramón de Castro y Montenegro.
Contra 1844 Ángel López de la
Fuente comezaba a adquirir en réxime de propiedade unha serie de terreos
lindantes cos muíños, terreos nos que no ano 1847 levantara un local para
fábrica de tecidos, un edificio rectangular de corenta e sete por once metros,
de dúas plantas e con vivendas en cadanseu extremo do piso superior. En 1849 trasladábase
o foro dos muíños de Antonio das Seijas a Ángel López, quen finalmente mercaba
en 1856 os muíños á viúva de José Ramón de Castro y Montenegro.
A compra de terreos continuou ampliando
a parcela, ata que no ano 1866 quedaba inscrita no Rexistro da Propiedade ó
nome de “Herederos de Ángel López” a fábrica de tecidos, canda a vivenda, os
muíños e seis ferrados de terra labradía, todo xunto e valado. O conxunto do
investimento se financiara con capitais americanos e ingresos da exportación de
gran.
Ata a construción do ferrocarril,
a vila do Seixo era lugar de paso obrigado entre Ferrol e Betanzos, e ademais
da fábrica de lenzos contaba tamén cunha fábrica de salga de peixe, un taller
artesán de tecidos e dúas carpinterías de ribeira, ademais de varias tendas de
ultramarinos e bebidas.
No Dicionario de Madoz, na voz
Seijo (Tomo XIV, datado no ano 1849, páxina 161) se indica que “sobre el arroyo que
baja de la feligresía de Maniños y cerca de su confluencia con la ría de Ferrol
se ha construido una fábrica de tejidos; su área de 123 pies sobre 41 de ancho
(aproximadamente 34 por 11 metros), cuyo cuadrilongo repartido en cuadros
forman departamentos: en los dos primeros y en sus piezas bajas hay cuatro
ruedas de molinos harineros, tres de pedernal y otra de cantería, capaz cada
una de moler un ferrado de grano en una hora y cuarto. En el tercer cuadro está
la rueda principal que da movimiento a los cuatro molinos y tiene 27 pies de
diámetro (siete metros y medio); esta misma rueda impulsa la maquinaria de los
telares. En la parte superior del edificio hay cuatro telares que elaboran 24
varas de tela fina o 30 de basta en cada día (20 y 25 metros, respectivamente);
tiene además la fábrica 13 telares de mano que hacen 6 varas finas o 9 bastas
en un día (5 y 7 y medio, respectivamente); la caldera para blanquear las telas
y preparar los tintes es de cabida 2.000 cuartillos de agua (mil veinticuatro
litros). Esta fábrica ocupa por ahora 40 personas entre hombre y mujeres y se
halla bajo la dirección del inglés Guillermo Botton”.
Dise que esta industria de tecidos
de liño no Seixo xa empezara a traballar contra 1845 con fías (fiado) de
importación de Escocia, o se sabe de certo é que no ano 1893 tiña 70 teares
mecánicos e 12 manuais, con dúas turbinas hidráulicas movidas polas augas do
río Ba e unha máquina de vapor de doce cabalos alimentada con carbón, que ocupaba
daquela a 90 operarios e que as vendas de lenzos facíanse no mercado rexional e
no antillano.
Dos tres establecementos que se
puxeran en marcha en Galicia para fabricar tecidos de liño aproveitando o
arancel de 1841, que favorecía a importación de fías (fiado) fronte o fiado do
liño, sería a pequena fábrica do Seixo a que mellor resistiría a competencia do
algodón. A fábrica do Roxal (Neda, Coruña), que comezara co algodón en 1843 e
se transformara para elaborar tecidos de liño contra 1847, suspende pagos
contra 1854 e pouco despois cesaría na súa actividade. A fábrica “Basols y
Cía.” establecida en Chavín (Viveiro, Lugo) contra 1850, aparece no ano 1862
convertida xa en fábrica de tecidos de algodón e mestura, para pechar en 1864
pola carestía das materias primas na crise algodoeira destes anos.
A fábrica do Seixo pecharía finalmente
no ano 1896, poñendo fin a calquera esperanza dun sector téxtil en Galicia
nestes anos, xa que tódalas demais, foran de liño ou de algodón, ou mesmo de lá,
cesaran había tempo na súa actividade.
Despois de máis de tres décadas de
inactividade, a fábrica do Seixo, era adquirida contra 1927 por Antonio Vila
Cobas, quen a transformaría na “Eléctrica del Seijo”, unha pequena central
hidroeléctrica dotada cunha turbina Francis de 21 cabalos que arrastraba un
alternador de 14 kVA e que subministraría enerxía eléctrica á parroquia hasta
os principios da década de 1960. Para mellor aproveitar o gran edificio, o
señor Vila instalara tamén unha serraría mecánica que traballou activamente
deica o decenio de 1950.
Contra 1965 non quedaba resto
ningún de actividade industrial no que fora inicialmente notable iniciativa
empresarial lencera. O pequeno encoro que formaba o río Ba antes das
instalación fabrís, coñecido como “o cubo”, remataría recibindo sobrantes de
terras ata quedar totalmente desecado e convertido en solar de vivenda
ocasional.
Tempo de uso:
Todo o ano aínda que coa necesidade do apoio da
caldeira de vapor nas estiaxes do verán.
Sistema de produción:
O liño seméntase entre abril e
maio, recolléndose en xullo ou agosto. A planta alcanza entre trinta
centímetros e un metro e amais das fibras que compoñen a súa cortiza
aproveitase tamén o seu froito, a liñaza. As tarefas para o cultivo do liño son
longas, fatigosas e complicadas, xa que esta planta é moi esixente e posesiva,
necesitando sachas cando despunta, regas novas e mondas repetidas e coidadosas
por non quebra-lo fráxil talo, dispoñendo as raspas ó socairo da venteada para
o mellor endereitado do caule polo vento.
No seu tempo ten lugar a arriga ou colleita, arrincando as
plantas coas mans e apañándoa en mañizos. Os homes quítanlle despois a bagaña ou semente raspando os brazados –ripando– entre uns dentes de madeira
postos nun banco chamado ripo ou ripanzo, e o liño xúntase entón en
feixes que se deixan de seis a corenta días suxeitos con pedras e mergullados
no río –empozados– para que abranden
e maceren podrecendo a casca, para que sexa mais doado de traballar. Pasado o
tempo da cocedura desfásense as atas e bótase o liño a secar no chan ou pendurado
nun tendal e xa enxoito vólvese para a maza desbastadeira.
A bagaña deixase ó sol para que
abra o coaño e libere a semente, a liñaza, que, xa aventada e peneirada, se
gardará para despois vender e empregar para sementar na nova campaña, amais de
reservarse algunha ración delas como remedio curandeiro da que se extraerá o
aceite ou se fará fariña para preparar cataplasmas.
Cando seco golpéase o liño xuntado
en feixes ou mangados contra unha base de pedra, o mazadoiro, empregando unha maza redonda de madeira, o mazuco. Nalgúns sitios este traballo
facíase cunha peza basculante de gran tamaño accionada por outra persoa posta
de pes enriba dun extremo; noutros sitios o mazo era movido pola auga do río, o
mazadoiro do liño no río. O mazado e o remazado perseguen separa-los apéndices
leñosos –a aresta- que cobren a
fibra. Ás veces para sacarlle a casca e deixar libres as fibras, nalgunhas
comarcas batíase ou mallábase cun aparello chamado trillo do liño, que substituía ó mazo. Rematada a tarefa o mangado
chámase maza e cando se xuntan vinte
e catro mazas formando doce pares de mazas enféixanse converténdose nun augadoiro.
Viña despois a deluva, labor na que unha muller
desfacía un augadoiro e ía cedendo un par de mazas de liño –que pasaba a
chamarse estriga– a cada moza. Elas
entón agarraban a madeixa coas dúas mans e as refregaban con forza para que o
liño perdera os restos de aresta que lle puideran quedar. Facíase logo un
retorcido na punta do mollo e deixábase a estriga de pe a un lado. Cando se
xuntaban dezaoito estrigas amarrábanse cunha verga formando un feixe que se
chamaba afusal e gardábase nun sitio
seco, listo para a venda.
Nos meses últimos do ano facíase o
espadelado, labor comunal para
abrandar e desprender as fibras defectuosas da planta –os tomentos, unha estopa basta– batendo as estrigas ou feixes de liño cunha macheta de madeira, a espadela, contra unha táboa de borde
afiado, o espadeleiro ou tascón, que se espetaba no chan ou se
mantiña suxeita cravada perpendicularmente contra outra peza de madeira ou
banco que servía de base.
O tascado é un segundo espadelado, designado como espadela ó seren feito por unha muller
soa para rematar de separa-las fibras dos restantes compoñentes vexetais da
planta, o tasco ou tarasco, unha estopa mais fina que a dos
tomentos, empregada ás veces para face-las fiaduras dos sacos ou as cordiñas da
ata dos chourizos. As estrigas pásanse por un cepillo con dentes de ferro, o
rastro ou restrelo, para separar o
liño da estopa.
A operación final é o asedado, para seda-lo liño xa limpo de
estopa, peiteando as febras das estrigas pasándoas por un cepillo con dentes de
ferro, o sedeiro ou pente de asedar, alisando e separando a
estopiña, co que quedaban as fibras limpas e preparadas para fiar. A estopiña
servía para tapa-los billotes de cubas e toneis e para calafatea-las
embarcacións. As estrigas asedadas xuntábanse torcéndose e domeando á metade,
formando as manelas ou meados, xa dispostos para seren fiados.
Para o fiado púñanse as manelas
desenvolvidas e embrolladas na roca
–unha vara delgada rematada nun avultamento, barriga ou cabeza– e íanse
retorcendo entre os dedos para formar o fío, que se ía enroscando no fuso do que se sacaba despois formando a
mazaroca. O liño xa fiado levábase a
un soporte xiratorio de madeira, o sarillo,
no que se envolvía ata rematar a mazaroca, atando a fin do fío co inicio doutra
mazaroca e continuando desta maneira ata enche-lo sarillo, completando unha
madeixa ou meada que pasa a chamarse useada.
Terminado o ensarillado de toda
unha fiada os useados lavábanse e
batíanse no río e deixábanse a secar nun tendal. Cocíanse logo nun pote con
xabón, couselos, un óso de porco e cinza de piñeiro ou videira, e despois de
lavalas ben deixábanse a secar ó sol para que branqueasen. Aínda mellorábase o
branqueo botando despois varias veces auga fervendo con cinza por riba dos useados postos nun cesto, levándoos de
novo a secar. Os useados secos e
branqueados colócanse logo na debandoira
e cóllese un fío que vaise embrollando nunha bugalla para facer os novelos de liño desenvolvendo a madeixa.
Ven despois a preparación do fío
para tecer, formando primeiro o viñón
xuntándose nun só coa espalladeira os
doce fíos tirados dos seus respectivos novelos; o viñón préndese despois na urdideira para formar o urdido e dánselle as vinte e dúas voltas
precisas para xuntar os douscentos sesenta fíos que leva o ancho corrente dos
lenzos a elaborar. Rematado o urdido sácase o fío, armando unha cadeneta ou cadra para que non se enrede, e lévase ó
tear para colocar o urdido e proceder
ó seu tecido pasando o fío da trama
perpendicularmente por entre os do urdido
coa axuda da lanzadeira, unha e outra
vez, de dereita á esquerda e viceversa ata rematar o lenzo.
A mecanización vai mudando os usos
e costumes, facilitando o traballo e a competitividade, mellorando a calidade e
reducindo os custos. A baratura do fiado de importación facilitou o abandono
dos duros labores do cultivo do liño, que non chegou a se mecanizar en Galicia.
Aínda que si se mecanizaron as tarefas do urdido, do branqueado, do tecido, que
mudaron a individualidade dos teares rurais pola centralización do maquinismo,
demandando nesta angueira un novo e principal ben que vai ser en adiante
imprescindíbel na industrialización: a enerxía.
Pola dita necesidade de enerxía as
novas instalacións industriais van ter, ben que situarse nas proximidades dos
ríos, ou ben que dispoñer dunha instalación complementaria alimentada por
carbón que lles proporcione a forza motriz precisa para o accionamento da
maquinaria. Máis adiante, a dispoñibilidade de enerxía eléctrica vai axudar a
liberar ás localizacións industriais.
A gama de produtos fabricados
dividíase en dous grandes grupos: por una banda, bens de consumo típicos, como driles (teas fortes de liño ou algodón
cru) para pantalóns, cutíns (tecidos
de gran densidade) para colchóns, mantelerías, toallas, plugasteles (tea ordinaria, mestura de liño e algodón) e outros
tecidos de liño, destinados principalmente ós mercados de Galicia e das dúas
Castelas, e en menor medida de Andalucía, Valencia e Cataluña; pola outra,
lonas (teas recias e impermeables) para barcos e outros téxtiles para velas e
demais elementos da industria naval.
Actividades laborais:
Superado o período inicial do tecido restrinxido ó medio
rural, con ciclos ben marcados e enmarcados no conxunto das actividades agro
gandeiras, sen a penas man de obra especializada, o desenvolvemento dun sector
téxtil de carácter fabril demanda persoal fixo que no caso dalgúns oficios
precisaban dunha certa competencia ou especialización, como os encargados das
caldeiras, os empregados no taller de fragua e carpintaría, ou os responsables
das distintas máquinas. Ademais habían de cubrirse os postos imprescindibles de
dirección, administración, mantemento e vixilancia das instalacións.
A carencia experiencia industrial
e de escolas e talleres de aprendizaxe obrigaba moitas veces á contratación de
persoal estranxeiro, cando menos para os postos de dirección técnica e de
encargados principais das diferentes seccións fabrís.
Emprego:
Consonte os datos recollidos traballaban nela entre
corenta e noventa persoas.
Materias Primas:
Fiado de liño importado de Escocia.
Produtos Elaborados:
Tecidos e lenzos de liño.
Distribución e comercialización:
As vendas de lenzos facíanse no mercado rexional e no
antillano, atendendo tamén ós mercados das dúas Castelas, e con moita menor
importancia, de Andalucía, Valencia e Cataluña. Tivo particular significación a
fabricación de produtos téxtiles, nomeadamente lonas, para velas, cois, toldos
e demais necesidades do sector naval.
Referencias Bibliográficas:
Blanco Varela, A., e Mato Cachafeiro, J.L., 2005. Museo
“Casa do Patrón”. Historia, contido e entorno. Cadernos Museo “Casa do
Patrón”: nº 1. Lalín: Asociación de Amigos do Museo “Casa do Patrón”. DL
PO-22-2005.
Bouza Vila, J., 1992, “La fábrica”, Beiramar, Revista da Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega – O Seixo
(1927-1992), número adicado ó XLV Aniversario, Mugardos: Imprenta
Mugardesa, p. 25-26.
Carmona
Badía, J., 1990, El atraso industrial de
Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900),
Ariel, Barcelona. ISBN 84-344-6566-3.
Carmona
Badía, X., 1990, “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX),
Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación),
Ariel, Barcelona, p. 23-48. ISBN 84-344-6563-9.
Carmona
Badía, J., y Nadal Oller, J., 2005. El
empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña:
Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Carmona
Badía, X., et al., 1990, Pautas regionales de la industrialización
española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola
(dirección y coordinación), Ariel, Barcelona. ISBN 84-344-6563-9.
Caro Baroja, J., 1995, Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias,
Instituto para la
Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid.
ISBN 84-86850-64-9.
Carré
Aldao, E., 1928. “Provincia de La Coruña”, Geografía
General del Reino de Galicia. Francisco Carreras Candi (dir.), trece
volúmenes, Barcelona: Editorial Alberto Martín, reedición facsimilar en 1980,
Ediciones Gallegas, La Coruña.
Gil de
Bernabé López, J.M., 1984, Guía de la Artesanía de Galicia,
Madrid: Servicio de Publicaciones del Ministerio de Industria y Energía. DL
M-945-1984, ISBN 84-7474-229-3.
Gil de
Bernabé López, J.M., 1988, Galicia
Artesana, León: Editorial Everest. DL LE-39-1988, ISBN 84-241-4652-2.
Gil de
Bernabé López, J.M., 1992. O liño. Colección
Raigame. Vigo: Ir Indo Edicións. DL VG-288-1992. ISBN 84-7680-078-9.
González
Tascón, I., 1987, Fábricas hidráulicas
españolas, 2ª ed. 1992, Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras
Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros, Madrid. ISBN
84-7790-147-3.
Lindoso Tato, E., 2006, “A la sombra del Arsenal: la
oferta empresarial ferrolana en siglo XIX”, Cuadernos
de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, enero-diciembre 2006, p. 271-304. ISSN 0210-847 X.
Lindoso Tato, E., 2006, Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913),
LID Editorial Empresarial, Madrid. ISBN 84-88717-94-6.
Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os tecidos”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires:
Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 624-658.
Lorenzo Fernández, X., 1983. “Os tecidos”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura
Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 223-273. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.
Madoz
Ibáñez, P., 1846-1850, Diccionario
geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, 16
vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9:
Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario
Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario
geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada
y de libre acceso a través de la Biblioteca
Virtual de Andalucía:
http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].
Máiz Vázquez, B. (bmaizv@edu.xunta.es), 13 de
diciembre del 2010. Visita ao Seixo. Correo electrónico para M. Lara
Coira (mlara@asociacionbuxa.com).
Montero
Aróstegui, J., 1858, Historia y
descripción de la villa y departamento del Ferrol, Imprenta de Beltrán y
Viñas, Madrid, reedición de 1972 titulada “Historia
de El Ferrol del Caudillo”, Gersán, Ferrol.
Índice de mapas e planos:
Localización no
Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Fuso
29 / X 563.544,50 / Y 4.811.435,30
0 comentarios:
Publicar un comentario
Podes deixar aquí o teu comentario: